Friday 26 de April de 2024

A II Edición de Fly A Coruña reúne na cidade a 160 axentes de viaxes, compañías aéreas e empresas do sector turístico


As exposicións céntranse en rutas aéreas que conectan con Galicia, destinos invitados e retos das axencias de viaxes

Un total de 160 axentes de viaxes, responsables de compañías aéreas e empresas do sector turístico danse cita na cidade na II Edición de Fly A Coruña. O encontro, que empezou esta mañá cunha visita ao Museo MEGA, centrouse esta tarde nunha análise sobre tendencias do sector e un workshop no que as axencias de viaxes participantes estableceron contactos con preto de 50 provedores turísticos. O foro está organizado pola Confederación Española de Axencias de Viaxes (CEAV), xunto coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI) e o Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade.

Este encontro reúne a expertos da contorna turística, compañías aéreas e axencias de viaxes. No foro móstranse tres paneis: un sobre conectividade aérea, outro sobre destinos e outro sobre axencias de viaxes. Nesta cita participan Javier Gándara, Country Director de EasyJet e presidente da Asociación de Liñas Aéreas; Francisco Hérnandez, subdirector comercial de Binter; Sabine Schwanz, directora de Travel Trade e Conectividade de Madrid Destino do Concello de Madrid; Moisés Jorge Naranjo, director xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña; Cristina Espello, Oficina de Turismo de Irlanda en Madrid Área de Travel Trade e Conectividade; Carlos Garrido, presidente de CEAV e Juan Rivadulla, presidente de AGAVI. No foro expuxéronse as rutas aéreas que conectan con Galicia, así como as últimas novidades dos destinos invitados e os retos aos que se enfrontan actualmente as axencias de viaxes.

Entre os provedores turísticos: aseguradoras, cadeas hoteleiras, compañías aéreas, destinos nacionais e internacionais, transporte terrestre, almacenistas de viaxes, intelixencia artificial (AMADEUS) e empresas de servizos turísticos e lecer. No evento colabora Estrella Galicia. Neste foro, que se prolongará durante todo o día de hoxe, entréganse varios premios, como a Experiencia Estrella Galicia, Enjoy Cuba e Binter viaxe a Tenerife.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.